Sunday 05 de May de 2024

A Xunta lembra que Galicia conta cun decreto que regula o uso de instalacións permanentes en zona de servidume para garantir o equilibrio entre o uso e a protección da costa


— Ángeles Vázquez salienta que este cambio normativo, aprobado en 2019, é unha mostra do bo facer do Goberno autonómico no emprego do territorio

— Subliña que o seu departamento acaba de iniciar a tramitación ante o Executivo central para acadar a transferencia da xestión do dominio público marítimo-terrestre e ter así a competencia integral sobre o litoral galego

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembrou esta mañá que a Comunidade galega conta desde 2019 cun decreto para regular o uso de instalacións permanentes na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Trátase dunha ferramenta na que se di “onde e como” se pode desenvolver unha actividade que precise unha instalación fixa e permanente nas proximidades da costa, fóra dos areais, de xeito que se ofreza un servizo continuado.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá na Explanada do Horizonte, no Rosal, un módulo fixo de servizos deste tipo, un dos tres primeiros autorizados pola Xunta na Comunidade —xunto a un en Tomiño e outro en Barreiros— desde a entrada en vigor do novo documento normativo.

A conselleira recordou que, grazas a un cambio na normativa que regulaba as competencias en zona de servidume, se estableceu unha política potenciadora do turismo de excelencia con servizos que permiten a traer turistas ao longo de todo o ano, sen reducir a necesaria protección da costa galega.

Así, felicitou aos promotores da instalación fixa do Rosal, non só por converterse en pioneiros, senón tamén por levar a cabo unha actuación de recuperación ambiental dunha zona degradada e crear unha área de lecer para turistas e veciños deste concello.

Nese sentido, defendeu que onde antes atopabamos unha instalación temporal, “construída sen pensamento nin entendemento coa contorna”, hoxe atopamos unha instalación fixa, cunha calidade estética e que se adecúa e integra á contorna na que se asenta, respectando uns requisitos de calidade arquitectónica. Así mesmo, engadiu que esa sensibilidade e coidado deste espazo é, se cabe, máis importante neste punto, porque se atopa en pleno Camiño de Santiago.

Outra das melloras que se introduciron no decreto, e das que se beneficiou a propietaria da instalación do Rosal, é que só hai que presentar unha solicitude de uso que é válida para catro temporadas, no canto de solicitar unha para cada tempada estival.

A conselleira de Medio Ambiente argumentou tamén que esta liña de actuación é unha mostra do bo facer do Goberno galego, baixo uns criterios “claros, eficaces e transparentes”, no uso do territorio, ofrecendo respostas e solucións ás distintas casuísticas detectadas ao longo destes anos.

Xestión do dominio público marítimo-terrestre
Por outra banda, Ángeles Vázquez aproveitou a súa visita a este punto para lembrar que a Xunta quere, e pode facer, unha xestión integral da costa, coa finalidade de garantir o equilibrio necesario entre a protección do litoral e o seu papel como motor económico do medio rural.

Así, lembrou que o seu departamento acaba de iniciar a tramitación perante o Goberno central para dar un paso adiante e acadar a transferencia da xestión do dominio público marítimo-terrestre, co fin de ter a competencia integral sobre o litoral galego.

Unha vez máis mostrouse convencida de que ostentar esta competencia é o mellor para Galicia, pois desde 2009 o Goberno galego elaborou instrumentos, ferramentas e estudos sobre a costa galega que acreditan coñecemento amplo e actualizado dos quilómetros costeiros.

Explicou que se trata de transferir as funcións e os servizos en materia de ordenación da costa, é dicir, a súa xestión -que non a propiedade dos terreos-, unha petición que conta co apoio unánime dos tres grupos representados na Cámara galega.